
O Portal da Transparencia da Administración Xeral do Estado (en diante Portal da Transparencia) é un portal web que depende do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública. A través deste portal, calquera persoa pode acceder a información pública sobre o funcionamento do Estado. En concreto, permite:
- Consultar datos que a Lei 19/2013 de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno (en diante Lei de Transparencia) obriga a publicar.
- Obter información sobre Goberno Aberto.
- Solicitar acceso a documentos e datos públicos.
- Coñecer información relativa a Integridade.
O Portal da Transparencia publica información sobre diferentes institucións do Estado, en concreto, o ámbito subxectivo da información publicada no portal é o seguinte:
- A Administración Xeral do Estado.
- As entidades xestoras e os servizos comúns da Seguridade Social. Inclúense as mutuas colaboradoras da Seguridade Social.
- Os organismos autónomos, as axencias estatais, as entidades públicas empresariais e as entidades de dereito público con personalidade xurídica propia, vinculadas á Administración Xeral do Estado ou dependentes dela, incluídas as universidades públicas.
En diante, a referencia á Administración Xeral do Estado entenderase que inclúe os tres puntos anteriores.
O Portal da Transparencia non contén información específica de Comunidades Autónomas, entidades locais, sociedades estatais, fundacións e órganos constitucionais. Estas entidades publicarán a súa información nos seus respectivos portais web e sedes electrónicas.
A lei de Transparencia creou o l Portal da Transparencia. No artigo 10 da lei establécese que este portal dependería do Ministerio da Presidencia e a súa función principal sería facilitar o acceso da cidadanía a toda a información incluída na publicidade activa.
Na actualidade o Portal da Transparencia depende do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública. A súa xestión está a cargo da Dirección Xeral de Gobernación Pública, que forma parte da Secretaría de Estado de Función Pública. Ademais, conta co apoio da Axencia Española de Administración Dixital (AEAD), que tamén depende do mesmo ministerio.
Esta estrutura foi definida no Real Decreto 210/2024, do 27 de febreiro, que establece como se organiza este ministerio e as súas funcións.
O Portal da Transparencia ofrece información e servizos na súa páxina web oficial: Portal da Transparencia da Administración Xeral do Estado.
Tamén ofrece información a través das seguintes redes sociais:
- X: @transparencia_e
- Youtube: Portal de Transparencia – España
Esta Carta de Servizos recolle compromisos que están aliñados cos obxectivos xerais, establecidos no real decreto para mellorar da calidade na Administración Xeral do Estado.
Ademais, o seu principal propósito é garantir que a xestión da información pública sexa xusta, transparente e racional, para cumprir a Lei de Transparencia.
Esta Carta de Servizos ten tres obxectivos principais:
- Facilitar o acceso á información pública que obre en poder da Administración Xeral do Estado.
- Comunicar as responsabilidades e os compromisos adquiridos.
- Explicar os dereitos da cidadanía en relación con estes servizos, así como as obrigas que teñen ao utilizalos.