Os grupos de traballo constitúense no seo do Foro de Goberno Aberto co fin de garantir a súa operatividade no cumprimento dos seus fins. A súa creación corresponde ao Pleno, por maioría dos seus membros e por proposta da persoa titular da Presidencia, en función das áreas de estudo, debate ou diálogo que resulten de interese, especialmente aquelas vinculadas ao Plan de Acción vixente.
Os grupos de traballo teñen como obxectivos a realización de estudos, a análise de cuestións específicas, o seguimento das iniciativas do seu ámbito no Plan de Acción vixente e, no seu caso, a formulación de propostas á Comisión Permanente no seu ámbito, que contribúan a unha resposta áxil e eficaz no marco do Goberno Aberto.
Cada grupo de traballo contará cunha composición paritaria e cunha persoa coordinadora, membro do Foro, designada pola Comisión Permanente entre os membros representantes da sociedade civil. Unha persoa funcionaria de carreira da Subdirección Xeral de Goberno Aberto apoiará á persoa coordinadora, exercendo os labores de secretaría do grupo.
Nas reunións dos grupos de traballo poderán participar, con voz pero sen voto, persoas responsables a nivel ministerial dos compromisos incluídos no Plan de Acción vixente, persoas expertas, asesoras ou representantes de empresas emerxentes ou outros axentes do ecosistema de innovación, calquera membro do Pleno interesado na materia obxecto de estudo e aquelas persoas convidadas pola persoa coordinadora, previa comunicación aos membros do grupo.